Ser testemuñas da vida nova de Cristo

Castellano

«Sabemos co anuncio pascual é específico do cristianismo, a débeda de esperanza que os cristiáns temos para con tódolos homes. Tamén coñecémo-las nosas fondas resistencias a crer este anuncio inaudito; e, aínda máis, o que nos costa crer na resurrección de Cristo como prenda da nosa resurrección» (Enzo Bianchi).

A fe na resurrección non nace automaticamente en nós, supón un longo proceso de maduración e de purificación no noso interior. É o mesmo proceso que tivo a primeira comunidade: renunciar a unha imaxe creada no  noso interior, facéndoa absoluta, de maneira que ningunha outra poida estar por riba dela. Iso non é fe. Temos que renunciar a calquera imaxe, é dicir: podemos pensa-la resurrección de Xesús Cristo, ben intelectualmente, ben plasticamente, como si pintásemos un cadro, sempre e cando teñamos conciencia que iso non é a resurrección.

Unha das primeiras razóns para chegar a unha fe profunda e aberta da resurrección é renunciar ó COMO FOI ou querer saber COMO ERA o corpo glorioso de Señor, porque non nos leva a ningures. O terceiro día, os oito días, os corenta días, os corenta anos, na Sagrada Escritura non son tempos cronolóxicos, no o esquezamos. Para moitos de nós o terceiro día tarda décadas en chegar, a veces, toda unha vida.

A fe na resurrección hai que tomala na súa simplicidade, na súa total nudez, no seu misterio absoluto, se non é así non é digna de fe. Pero aínda hai mais: temos que ler os textos, proclamalos, celebralos; textos que nos falan de experiencias vividas no pasado por unha comunidade, pero que teñen proxección de futuro, ata a fin dos tempos. Textos que  nos falan de algo novo, distinto ó que se coñecía, textos que  nos falan de ser enviados cunha mensaxe singular: «Coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós», é dicir: «Así coma eu vos narrei ó Pai, agora vos toca a vós narrarme a min».

E este é o problema: a que Cristo narramos e proclamamos. É bo que recordemos aquela frase tan célebre do Mestre Eckhart no seu sermón sobre Os pobres de espírito: «Rogámoslle a Deus que nos baleire de Deus». O Mestre Eckhart nos aconsella que renunciemos a toda imaxe de Deus dentro de nós e, o que dicimos de Deus, podémolo dicir do Señor Resucitado. E isto nos evitaría quebracabezas doutrinais, porque nos levaría a non pretender ser posuidores de verdades absolutas, senón que, baleirándonos das nosas pequenas verdades, esteemos capacitados para acoller a VERDADE que non se impón a ninguén, porque se presenta sempre na súa simplicidade mais absoluta, percorrendo os camiños da vida silenciosa e humilde, bondadosa e agarimosa, acollendo a tódolos que queren bebe-la súa auga de vida. Verdade que desenmascara a hipocrisía e a inxustiza, pero que envolve co seu amor e tenrura a tódolos que teñen que sufrir persecución por ser fieis a ela.

Como Xesús narrou ó Pai. Iso levouno a ver ó home e a muller de maneira distinta a coma os vían e comprendían calquera sociedade e relixión do seu tempo, no seu caso no xudaísmo. E nosoutros temos que narrar ó Señor resucitado na súa pura nudez como aconsella o Mestre Eckhart: «Tómao espido no vestidor», é dicir, non lle poñamos ningún traxe porque ningún lle senta ben. A resurrección de Xesús Cristo comprométenos coa súa vida e coa súa obra e con tódolos homes e mulleres que o longo da historia renunciaron a aferrarse a imaxes para vivir no mundo facendo o ben sen maiores pretensións. Comprenderon que a Boa Nova non é un corpo de doutrinas senón unha persoa: XESÚS CRISTO, ó que servían nos seus irmáns e irmás.

«Que Deus nos baleire de Deus», para non caer nun espiritualismo desencarnado e  nos leve ó que foi a vida do Resucitado que nos ensinou que o Deus do Evanxeo non é o Deus das esixencias imposibles, senón o Deus connosco, «Que traballou con mans de home, pensou con intelixencia de home, amou con corazón de home» (Gaudium et Spes, 22) e finou coma moitos inocentes ó longo da historia por mans de homes.

Renunciar a un resucitado que vive nalgún ceo imaxinario, é somerxernos na historia da súa vida, que non rematou na cruz senón que sigue vivindo no rostro dos pobres do mundo, no pranto dos nenos famentos e maltratados, na dor e no medo dos torturados, na angustia dos condenados a morte, nas mulleres menosprezadas e maltratadas. Todo o que lle faga dano a unha persoa faillo a El. Pero tamén ri e baila de felicidade por tódolos que fan o ben na mais absoluta gratuidade, felices de ve-lo seu rostro doloroso e glorioso nos seus irmáns e irmás.

El narrounos a Deus, nós temos que narralo a El. E, hai unha oración do século XVI, que cita Bruno Forte nunha das súas obras, moi axeitada para a nosa reflexión. Di así:

«Cristo non ten mans, só ten as nosas mans para facer hoxe o seu traballo; Cristo non ten pés, ten os nosos pés para dirixirse ós home hoxe; Cristo non ten labios, ten os nosos labios para anunciar hoxe o Evanxeo. Nós somos a única Biblia que aínda tódolos homes poden ler. Nós somos a derradeira chamada de Deus, escrita con palabras e obras.

Que Deus nos conceda a gracia de sermos testemuñas do Resucitado, e, sobre todo, que nos abramos á súa gracia.

3 comentarios en “Ser testemuñas da vida nova de Cristo

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.