Pan que compromete a vida

Estación de trenes de San Pedro do Estoril (Portugal)

Texto en castellano

Levamos catro domingos reflexionando co discurso do Pan de vida que pronunciou Xesús na sinagoga de Cafarnaún e o remataremos o próximo domingo. No ritmo ascendente que vai tendo o discurso, vemos como Xesús vai levando a xente que o escoita, da procura dun alimento material que resolva o problema de ter que traballar para comer, a un alimento que compromete a vida da xente coa súa persoa, coa súa paixón polo reino, co seu sentido da xustiza e da igualdade entre as persoas, coa presencia de un Deus que non habita en templos construídos por mans de homes, senón que se manifesta na súa Vida e nas súas obras. Xa no é o Deus do Sinaí, o da Lei, senón o da graza e a verdade que se manifestou no seu Fillo Xesús Cristo. Xa non é o Deus do maná que comeron os pais no deserto e morreron, senón que El se manifesta coma o pan que da vida ao mundo. Xesús é pan «baixado do ceo». Non pode ser confundido con calquera alimento. Agora trátase de algo mais profundo, dun cambio radical na vida do buscador de Deus e dos bens de Deus. Xa non son bens perecedoiros: comida, vestido, bens materiais que non dan “tranquilidade” pero que teñen o poder de nos escravizar, incluso de chegar a matar por eles. Xesús nos quere ceibes: Non andedes agoniados pola vosa vida (o que ides a comer, o que ides a beber), nin polo voso corpo (o que ides a vestir) (Mt 6, 25). Quere que os nosos desexos transcendan o meramente material: «Con toda a verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba senón polo que dura deica vida eterna» (Xn 6, 26-27).

Xesús é o pan baixado do ceo. Non debe ser confundido con calquera fonte de vida. Necesitamos os alimentos para vivir, para ter forza e saúde, pero o que nos ofrece Xesús é outra vida e outra forza, un alimento vital que ven do mesmo misterio de Deus, o creador da vida. Xesús é o pan da vida e está pedindo que se transcenda da busca do material ata o home interior que non se pode saciar dun alimento material, senón coa vontade do Pai: «A miña comida e face-la vontade daquel que me mandou e levar a remate a súa obra» (Xn 4, 34). Por iso non é posible atoparnos con El de calquera maneira. Temos que ir ao fondo de nós mesmos, abrirnos a Deus e escoitar o que nos di o Pai no noso interior, porque ninguén pode sentir verdadeira atracción por Xesús senón o atrae o Pai que o enviou. Para iso se necesita un corazón aberto á graza que nos levará a liberdade, e non cegados polas preocupacións que escravizan o corazón e entendemento.

Xesús está a provocar a fe dos homes ao longo da historia na súa vida e na súa obra. O que cre en  Xesús Cristo e sabe entrar en contacto con El coñece unha vida diferente, de calidade nova, unha vida que de algunha maneira, pertence xa ao mundo de Deus porque «o que coma deste pan vivirá para sempre». Este achegamento de comuñón e fe en Xesús non significa non ter que traballar polo pan de cada día, este hai que sualo e choralo moitas veces con bágoas de sangue. Nin Xesús ni Deus teñen poder par nos soluciona-la vida, si teñen poder, si cremos neles, de vivila dun xeito completamente distinto porque come-la súa carne e bebe-lo seu sangue son os nutrientes que nos dan forza para enfrontarnos os elementos hostís á dignidade das persoas tan pisoteada ao longo da historia.

A eucaristía é un compromiso da comunidade que a celebra ca vida e ca obra de Xesús de Nazaré, é o compromiso de crear espazos no que o sentido da xustiza sexa soberano sobre todas as ambicións e egoísmos que destrúen o noso mundo.

Ante as palabras de Xesús nos pode ocorre-lo mesmo que as persoas que o escoitaban e se escandalizaban delas. No fondo, é o medo a compromete-la vida, abrirse a algo novo, a algo que non sabemos ata onde nos poden levar a súas esixencias. E si Xesús non nos alimenta coa súa creatividade seguiremos atrapados no pasado, cun veo no noso corazón, vivindo a nosa fe de formas, concepcións e sensibilidade doutros tempos que non son os nosos e que a xentes rexeitan con toda a razón do mundo. Hai xente que ten nostalxia do pasado, a esas xentes dilles moi atinadamente Enzo Biachi: «¡Tornou a relixión, non Deus! Si onte o problema era “¡Cristo si, Igrexa non!” Hoxe podemos dicir: “Relixión si, Deus, Cristo non”. A relixión que volve é unha relixión dionisíaca, pánica, unha relixión «placebo» que asegura unha confrontación, eludindo a fatiga e o sufrimento, unha relixiosidade considerada coma un cántico místico da alma, coma presunción psicolóxica, estética de inocencia. Marx finou, pero Nietzsche vive (¿mito si, Cristo non!)… E preséntase un horizonte, aparece a urxencia da profecía: dar testemuña, cun exceso hoxe quizais necesario, da presenza do Deus persoal e vivente, inventar unha linguaxe paradoxal, que amose unha clara diferencia entre as deidades politeístas-estéticas tan cativadoras e o Deus de Abraham, de Isaac, de Xacob e de Xesús Cristo. Non un Deus de todos que se adapta a todos, senón un Deus vivente para quen non existe referencia ética, senón amor» (No somos mejores, pág. 41).

Non o esquezamos: non se pode botar viño novo en pelellos vellos. Pídesenos que creamos no Deus da vida e no seu enviado Xesús Cristo, o único que pode desde a nosa fe na súa persoa facer novas todas as cousas.

3 comentarios en “Pan que compromete a vida

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.